Viveiro

Viveiro está situado dentro da comarca da Mariña Occidental, da cal é a súa capital.  A fundación de Viveiro data da Idade de Ferro, como se pode ver nos numerosos sitios arqueolóxicos de asentamentos celtas. A partir dos séculos XII e XIII, Viveiro comezou a tomar especial relevancia, coa puxanza da vila medieval, da que hoxe aínda se conserva a súa zona vella.

O seu termo municipal está situado na rexión costeira da Mariña, ocupando unha superficie de 109,3 km². Este territorio sitúase no val formado polo río Landro, que se estende polo sur dende os pedemontes da Serra do Xistral, e que desemboca ó norte na ría de Viveiro, que é unha das rías pertencentes á rexión das Rías Altas, que desembocan ó mar Cantábrico. Viveiro dispón dun variado catálogo patrimonial, no que destacan os seus monumentos históricos de tipo civil e relixioso, o seu patrimonio artístico-cultural e o seu patrimonio natural. Así mesmo, as súas diversas festividades de interese turístico atraen a numerosos visitantes a cidade, entre as que destacan a Semana Santa de Viveiro, a Rapa das Bestas de Candaoso e a Romaría do Naseiro, estando as tres consideradas como Festas de Interese Turístico Nacional.