O faro de Cabo Vilán esta situado a 5 km de Camariñas, e cos seus 125 metros de altitude con repecto ao mar, alcanza co seu cañón de luz 55 km de costa. É o faro eléctrico máis antigo de España, acendéndose por vez primeira o 15 de xaneiro de 1896. O enclave foi declarado de Interese Nacional no ano 1933 por ser un lugar rochoso e escarpado e hoxe en día é Monumento Natural.
O anterior faro, do que aínda hoxe pódense ver os restos, acendeuse por vez primeira en 1854. Era un faro de cuarta orde, alimentado por aceite e cun alcance de 10 millas, pero non era capaz de salvar a pedra máis elevada do cabo, o que producía unha perigosa zona de escuridade no lugar onde se sitúan uns baixos rochosos. Dinamitouse a pedra e aumentouse a altura da torre, pero non se puido solucionar o problema do ángulo cego. A traxedia do Serpent en 1890 e a doutros barcos naufragados fixeron que as autoridades se decatasen da deficiente iluminación do faro, e en 1896, inaugurouse o novo faro, o primeiro de España que funcionou con enerxía eléctrica.
Neste cabo habitan gran cantidade de corvos mariños, araos, pardelas, alcatraces, alcas? Moitos deles habitan no illote coñecido como Vilán de Fóra, situado a escasos metros mar dentro con 59 metros de altura.
No faro tamén se atopa un Centro de Interpretación xestionado pola Asociación Neria da Costa da Morte. O centro divulga información da historia dos naufraxios e dos faros da Costa da Morte a través de proxeccións en vídeo, pezas reais, fotografías e paneis con visores, para finalizar cunha simulación dun percorrido polo interior da torre do faro.