Pórtico do Paraíso, Catedral de Ourense

Na entrada á catedral pola porta principal atópase o Pórtico do Paraíso, datado na primeira metade do século XIII e construído en tempos do bispo Lourenzo (1218-1248), que foi quen rematou as obras da catedral.

Aínda que se descoñece o autor, os especialistas en arte medieval concordan en que os escultores pertenceran ó taller do Mestre Mateo ou, polo menos, estaban influídos por el. A disposición das figuras, a técnica de estatuas-columna e a iconografía reproducen ás do Pórtico da Gloriada catedral compostelá. En calquera caso, e sendo certo que se construíu cunha estrutura similar, se ben máis simple, menos elaborada, tampouco se pode afirmar que sexa unha copia daquel.

O Pórtico consta de tres arcos, dous laterais menores e un gran arco central, mantendo unha correspondencia coas naves laterais e maior do templo. Na esquina esquerda do nártice e a ámbolos lados do piar esquerdo dispóñense nove estatuas doutros tantos profetas; na esquina dereita e ós dous lados do piar dereito, outras nove figuras doutros tantos apóstolos. O arco central está dividido por un parteluz ó que se adosou, en 1857, unha figura sedente de Santiago apóstolo do século XIII, e unha Virxe do Consolo tallada por Cornielles de Holanda.

O Pórtico non foi pintado ata o século XVIII. No ano 2013 levouse a cabo unha completa restauración que recuperou a viva policromía orixinal e puxo de manifesto que só posuía unha única capa de pintura. A Contraportada non está policromada.

+info Wikipedia