Eucaliptal de Chavín

O Souto da Retorta está situado na parroquia luguesa de Chavín (Viveiro), na marxe dereita do río Landro e a uns 6 km da capital municipal. Dentro do souto destaca un rodal duns 600 eucaliptos (Eucalyptus globulus), algúns deles centenarios e de gran tamaño, ós que debe o sobrenome polo que tamén é coñecido: o eucaliptal de Chavín.

O 25 de febreiro de 2000 foi incluído entre os Espazos naturais protexidos baixo a figura de Monumento natural.

Tamén está incluído dentro do Catálogo galego de árbores senlleiras.

O espazo ten unha superficie de 3,19 ha e caracterízase polo seu clima oceánico húmido, cunhas precipitacións anuais medias de 1.412 mm e unha temperatura media de 13 °C. Está situado a unha altitude duns 30 metros sobre o nivel do mar.

Ademais dos eucaliptos centenarios, o espazo presenta, ó longo do curso do río, dúas fervenzas dignas de mención: o Salto do Can e o Pozo da Ferida, este cunha caída en vertical de 30 metros.

Os eucaliptos do Souto da Retorta plantáronse a partir de 1860 para a drenaxe das terras baixas que se anegaban con frecuencia a consecuencia das arroiadas dos regatos tributarios do río Landro. Destacan por alcanzar unha altura considerable, as maiores da península e das maiores de Europa, e entre eles cómpre salientar o Avó de Chavín, de 126 anos, unha altura de 71,4 metros e un perímetro de 7,6 metros. Non é o exemplar máis alto do eucaliptal pero si o de maior porte.