O Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil é unha construción cristiá medieval, situada a carón do río Sil. As orixes da comunidade monástica de Santa Cristina son imprecisas. As primeiras mencións están documentadas cara a finais do século X, malia que non se conservan restos arquitectónicos ou epigráficos do edificio orixinal prerrománico. Como noutros centros monásticos fundados ao abeiro das ribeiras do curso final do río Sil, zona na que se conservan restos de antigos asentamentos relixiosos de carácter ascético, posiblemente foi inicialmente unha ermida, transformándose posteriormente nun cenobio.
O couto xurisdicional do mosteiro chegaba até o cumio de Cabeza de Meda, con dominio sobre un amplo tramo do río Sil. As características propias do espazo xeográfico do dominio condicionaron as bases económicas e os fundamentos da vida material do mosteiro. O terreo é escarpado e sitúase a certa altitude, o que impide a agricultura, se ben permite a explotación de produtos como os castiñeiros ou a vide, así como o aproveitamento dos recursos fluviais. A mención na documentación medieval da existencia de numerosas granxas e centros de recolección das colleitas, onde se recibían as rendas e décimos, evidencian a bonanza económica do mosteiro, iniciada no século XII coas cartas de aforamento de cesión de terras e propiedades ao campesiñado a cambio do pago de rendas, ao tempo que o mosteiro recibe a concesión de importantes privilexios reais e a protección papal.
Logo de varios séculos de decadencia, en 1508 pasou a depender en calidade de priorado do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. O seu declive culminou en 1835 coa desamortización, pasando a ser destinado a granxa de labor.