A Praia de Augas Santas, coñecida de xeito turístico por Praia das Catedrais, é un areal situado na parroquia da Devesa, no concello de Ribadeo. Na actualidade é citada de xeito repetido entre as máis bonitas do mundo.
Ten unha lonxitude media de 1500 metros, aínda que coa marea alta pode quedar reducida a 320 m, xa que está illada en varias porcións consideradas ás veces independentes. Ten un largo moi variable debido a que a preamar tapa toda a area en moitas partes dela, mentres noutras a baixa se descobre ata 100 m. A praia é aberta con area branca e fina, bañada por unha ondada moderada. Algún ano ten disposto de Bandeira Azul. É lugar de peregrinaxe para a visita dos seus arcos e cantís, incluíndo os diversos ollos (furnas), o arco da illa de Xan Galo e a cova de paso do Chinelo, a nivel de area, e para admirar o conxunto dende o sendeiro do alto do cantil.