O mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil é un mosteiro beneditino de tres claustros situado en Nogueira de Ramuín, provincia de Ourense. Oxe en día esta rehabilitado como Parador de Turismo. Está considerado un ben de interese cultural.
A Igrexa é románica e protogótica. A actual encetouse en 1183 e consta de tres naves e unha tripla ábsida semicircular. As tres naves están cubertas por bóvedas de crucería. A ábsida central presenta a peculiaridade de ser máis baixa que as laterais. A fachada é simple e dunha época posterior (século XVIII), presidida por unha imaxe de santo Estevo e enmarcadas por sendas torres piramidais e balcóns corridos. No interior o retablo de catro corpos é obra de Juán de Angés. Salienta un retablo en pedra medieval onde se representa a Xesucristo cos doce apóstolos.
O claustro procesional ou dos Bispos presenta arcos de medio punto románicos na planta baixa e arcos carpaneis renacentistas na superior, coroada por unha obra de trazaría típica dun gótico florido tardío. Sosteñen a estrutura contrafortes de sección prismática. No século XVI substitúese a cuberta de madeira por bóvedas de crucería estrelada.
O claustro da Portería, de grandes dimensións e con alas distribuídas en tres corpos, e un terceiro claustro, de dous corpos, teñen influencia herreriana da man de Diego de Isla con arcos de medio punto.
A cociña é de planta cadrada e está cuberta por bóvedas de crucería encol de arcos de medio punto.