Penedos de Pasarela e Traba

Os penedos de Pasarela e Traba son un afloramento granítico, compartido entre os concellos de Vimianzo e Laxe, que se estende desde Traba até o cabo Vilán e que forman parte da serra da Pena Forcada. O granito rosado de toda esta zona (chamado tamén tipo Traba) chega até a costa creando formas de obxectos ou animais.

Non ten cumes moi altos (o maior é de 300 metros) mais a súa irregularidade fai desta zona unha das máis perigosas para a navegación. Os penedos de Pasarela e Traba quedan ao leste da pequena depresión que comunica o Val de Vimianzo co Val de Traba. Tres son os seus picos máis senlleiros que se perfilan no horizonte: a Cachucha, a Galla da Pena Forcada e a Torre da Moa. Un dos posíbeis percorridos a pé por esta marabilla natural vai de sur a norte, desde Pasarela a Traba. Destaca a Pedra da Barca, chamada así pola súa semellanza cun navío. Nas súas inmediacións están os restos dunha canteira ilegal que asociacións e ecoloxistas conseguiron paralizar. Aquí levántase a Pedra da Cachucha que parece unha boina xigante. Seguindo cara ao norte vense máis rochas de caprichosas formas onde a imaxinación, a nosa posición e a inclinación da luz solar nos axudarán a ver xigantes, esfinxes, un dromedario, unha aguia, unha nave espacial…

O seguinte cumio é a Galla da Pena Forcada, chamada así pola comparación con esta ferramenta de labranza. Este pico é o máis alto deste conxunto con 273 m, e divide os concellos de Vimianzo e Laxe. O último cumio é a Torre da Moa ou Castelo, coroado cunha enorme pena en forma de moa de muíño. Dende aquí hai vistas sobre os Penedos que están fronte el: os de Braño ou Piñeo, e sobre o val de Traba coa súa lagoa e sistema dunar. Segundo o arqueólogo Antón Rodríguez Casal, neste cumio existe un recinto castrexo do que quedan poucos vestixios. Tamén é posíbel a existencia dunha fortaleza medieval, que se relacionaría co topónimo de Castelo ou Torre da Moa. Atopáronse dúas liñas de muro de perpiaños e cerámica tardorromana e medieval. Ademais, a hipótese dun culto megalítico ancestral neste lugar cobra forza coas mámoas que hai preto desta formación. Había quen situaba aquí as Aras Sextianas. En 1975 o investigador Pedro Marfany sinalara na Torre da Moa unhas pías de sacrificio castrexas ou romanas, con canles para desaugar que van cara ao precipicio.